Teriamos que remontarnos os tempos de difusión do cristianismo trala decandencia do Imperio Romano. Algúns vocábulos de entón estan relacionados coa orixe da parroquia.
- Paroikia (griego): reunión de habitantes.
- Parochia (latín): primeiros seguidores de cristo.
- Ecclesia: comunidade reunida. De “ecclesia”, agrupación de fieis, pasariamos a “feligresía”.
- Conventos: Asamblea ou reunión nun local.
Nos seus primeiros momentos o cristianismo conservaba marcado carácter urbano: a cidade poseía unha catedral co seu bispo e unha pila bautismal. Pero a parroquia nace no mundo rural. Necesítase un centro espiritual xa que a catedral queda moi afastada, e con él naturalmente a creación de persoas encargadas da súa xestión (espiritual, social, administrativa,…) nacendo a figura do párroco.
Agora ben, as bases históricas, físicas, económicas ou sociais hai que buscalas a raíz da evolución castro-vila. Parte dos habitantes dos castros asentaríanse nas aforas orixinando as vilas en torno ás que se organizaría a freguesía sendo ésta o xerme da parroquia.
As tres fases dos asentamentos de poboación: primeiro, o castro; logo a vila e por último a igrexa, xa como centro parroquial. A relación entre eles queda evidenciada pola proximidade.

O feito ben notorio que cada parroquia, prácticamente, ten un castro, vén a confirmar esta evolución testemuñando o parentesco entre o presente e o pasado.
Aplicando este principio ás parroquias de Moeche vemos que todas dispoñen dun.
¿Todas? En realidade falta o de San Xurxo; mellor dito: aínda non se atopou o seu emprazamento que ben podería corresponderse con actual outeiro onde se levanta o castelo, por ejemplo (a superposición de xacementos arqueológicos pertenecentes a distintas civilizacións é un fenómeno ben frecuente).
San Xoán ten dous, o da costeira e o de Casablanca (éste xa desaparecido); Labacengos tamén posúe dous: o do lugar do Castro e o de Vilachave.
Estamos nos tempos do rei suevo Teodomiro, século VI, e atopamos xa os primeiros documentos que fan referencia á organización parroquial (concretamente ano de 569). Con Odoario, bispo lucense, no ano 760 e un diploma de Aloito do ano 745 certificamos a fundación de igrexias-parroquias sobre as antigas vilas (hoxe centros parroquiais).
Intentemos busca-la relación castro-vila-parroquia. Botando unha ollada as parroquias nosas teríamos:
- San Xurxo. Castro: non se coñece o emprazamento (¿no outeiro do castelo?); vila (explotación agropecuaria): actual lugar da Vila. Centro parroquial (igrexa): entre eles, e a menos de 300 metros.

- San Xoán. Castro: lugar da Costeira. Explotación agraria tipo vila: sería o lugar do Forxao a uns 200 metros. Centro parroquial (igrexa): entre os actuais lugares de Riovello e Seoanenovo, a uns 400 metros.

- Santa Cruz. Castro: no outeiro que domina o lugar do mesmo nome. Explotación agraria tipo vila: lugar do Castro a 100 metros (mais improbable o Retorno ou outro). Centro parroquial (igrexia): a 300 metros no lugar do Retorno.

- Labacengos. Castro: Á carón do lugar do mesmo nome. Explotación agraria tipo vila: o mesmo lugar. Centro parroquial (igrexa): a 100 metros no lugar tamén chamado da Igrexa.

- Abade. Castro: nun outeiro que recibe este nome. Explotación agraria tipo vila: Mil de Abaixo a 300 metros. Centro parroquial (igrexa): a uns 200 metros neste mesmo lugar.
Como pode apreciarse tanto a similitude das distancias como a sucesión espacial dos emprazamentos en tódalas parroquias é sorprendentemente coincidente.
Resumímolo no seguinte cadro:
Parroquia | Situación Castro | Situación Vila | Situación Igrexa |
San Xurxo | Descoñecido ¿castelo? | A Vila | Castelo Abaixo |
San Xoán | Costeira | Forxao | Seoanenovo |
Santa Cruz | O Castro | O Castro | Retorno |
Labacengos | O Castro | O Castro | Igrexa |
Abade | O Castro | Mil de Abaixo | Mil de Abaixo |
Así pois a correlación parece evidente, tanto pola cercanía dos centros históricos (castro, vila, igrexa) como pola sorprendente orde: primeiro, o castro; segundo, a vila agrícola; e terceiro, na mesma dirección, a igrexa.
Evidentemente ben pudieron existir outros centros de explotación tipo vila: aí están os topónimos Vilar, Vilazanche, Vilachave,…
Durante os sécalos IX-XII son frecuentes os documentos que seguen referíndose a vilas e igrexas nelas establecidas á vez que vai aparecendo a parroquia e freguesía xeralizándos no século XIII.
A partires de entón a parroquia sofre poucas alteracións, chegando así ata os nosos días.
O xefe da explotación ou “domus da vila”, sería sustituído por un rector ou párroco.
Unha serie de intereses comúns a partir de entón permiten a consolidación e posterior perdurabilidade das parroquias: Igrexia, cemiterio, explotación de montes, aproveitamento de aguas, fontes, prados, eiras, ermidas fixándose os límites parroquiais nun determinado espacio fisico-xeográfico.
A parroquia como unidade económica, autárquica preséntasenos como herdeira da vila, con servicios comunitarios para a obtención de productos de primeira necesidade: eiras, fornos, muiños…o que trae aparellado a lóxica cohesión do grupo social.
O párroco preséntase como rector-guía da comunidade regulando diezmos, cemiterios, visitas…e os fregueses conservan e sosteñen a parroquia, por iso considérana súa: igrexa, o patrón, o adro, as campás (o son delas “serve para que aproveite ós veciños e ó patrón”), o cruceiro, o bautizo na pía…creando todo elo unha firme conciencia de solidariedade.
En síntese, esta unidade en tódolos campos (histórico, xeográfico-territorial, económica, social e incluso administrativa) conduce a unha forte cohesión base da súa pervivencia ata os nosos días.
E para rematar, unha breve alusión ó tratamento legal que o Estatuto de Autonomía ten para a parroquia, considerando como competencia exclusiva dela a “organización e réxime jurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades propias de Galicia e “recoñece-la personalidade jurídica á parroquia rural”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario