domingo, 18 de marzo de 2012

ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA E SISTEMA POLÍTICO DOS SÉCULOS ESCUROS.

Nos tres séculos da Edade Moderna galega hai unha evolución lenta do sistema político absolutista dos Austrias e dos Borbóns, que concerne a case todas as institucións administrativas do aparello estatal. No caso dos Austrias, polas leis propias de cada reino; no dos Borbóns, por uniformación e centralización. As institucións típicas de Galicia van sendo reducidas a unha mera ceremonia durante o século XVII.

En ambos períodos monárquicos é a Monarquía o centro lonxano das decisións, apoiada polos secretarios e os diferentes concellos. A burocracia encobre os intereses do grupo dominante. Os ministerios borbónicos, sen dúbida máis eficientes ca os secretariados austriacos, agilizaron unha administración morosa. O primeiro instrumento moderno de xestión foi a Audiencia de Galicia, creada polos Reis Católicos o 3 de agosto de 1480 para administrar xustiza no reino. Itinerante primeiro, fixóuse en Santiago desde 1508 e pasóu por último á Coruña en 1564. Ostentaba a presidencia o Gobernador e Capitán Xeneral. Funcionaba con xusticia maior, tres ouvidores, catro escribaos e varios subalternos que foron aumentando en número: secretarios, receptores, procuradores, escudeiros, alabardeiros e alguacís. As justicias particulares foron caendo pouco a pouco a favor da Audiencia. As apelacións iban á Chancelaría de Valladolid ou aos Consellos centraís correspondentes. A influencia da Audiencia foi notable ao derivar a preitos interminables as reivindicacións antiseñoraís.

A Xunta do Reino de Galicia foise consolidando ao longo do XVI. En 1520, nas Cortes de Santiago e da Coruña, as dúas personalidades máis poderosas do país, o arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca e o conde de Lemos, propiciaron a representatividade de Galicia nas Cortes castellanas. Aínda máis intensamente retornóu este desexo na xunta de Melide, aunque sen ésito. A finais do século, en 1598, un acordo da Audiencia convocaba aos diputados das sete cidades cabezas de provincia para designaren persoeiros do reino ante o rei, por agravos ao país, concretamente na falta de sal. A Xunta era un organismo intermedio entre a administración central e a galega. Non tiña carácter administrativo, senón representativo; elevaba propostas, queixas e ditamens. Carecía de todo poder ejecutivo. No século XVIII distinguíuse por cuestións de etiquetismo cada vez máis intrascendentes. Os diputados do Reino estableceron en 1669 unha ofrenda de 1.800 ducados para entregar no domingo infraoitavo do Corpus como voto de Galicia ao Santísimo Sacramental na Catedral de Lugo. O Goberno central tivo na Xunta un instrumento de consulta principalmente para impostos; esto durante os séculos XVI e XVII, pois tal funcións no século XVIII corréu a cargo dos intendentes.

Tamén se constituíron no XVI as sete provincias de Galicia, con estensión e poboación moi disparella. Eran, de maior a menor: Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Tui, A Coruña e Betanzos. Os espacios provinciaís estaban moi diversamente distribuídos en xurisdicións e coutos; as provincias de Ourense e Tui non diferían gran cousa da repartición actual en partidos xudiciaís. Galicia foi coberta por un tecido de 665 xurisdiccións e 496 coutos; destas divisións, unhas eran eclesiásticas, outras civís. Cada unha cos seus alcaldes e rexedores; as mayores, con xueces letrados, pois abundan as de iletrados. Do resto, o foro eclesiástico estendíase a aspectos de costumes como a blasfemia e os amancebamentos.

A penetración do poder da Audiencia foi progresiva, como a do Rei. En 1787 somente eran de realengo 3 cidades, 5 vilas e 274 freguesías. O aumento é patente en 1797. Vexamos:

REALENGO

SEÑORÍO CIVIL

EPISCOPAL

ABADENGO

ORDENS MILITARES

Cidades

3

-

4

-

-

Freguesías

611

297

560

610

27

Vilas

14

46

20

25

1

O poder económico da Igrexa e o seu total dominio no ámbito ideológico contribuían a que as circunscricións eclesiásticas fosen máis efectivas cas civís. Desde finaís de XIV toda Galicia ficara incluída na provincia eclesiástica de Compostela, e as cinco dioceses, menos modificadas no seus trazos cas provincias, tamén eran moi desiguaís. Santiago duplicaba as restantes; seguían Lugo e Ourense e Mondoñedo; Tui era a menor. Do arcebispo de Santiago como metropolitano dependían tamén Astorga, Zamora, Salamanca e outras cinco dioceses da provincia.

As dioceses galegas dividíanse en arcedianatos por comarcas e sumaban 3.652 parroquias en 1786. Parte destas parroquias dependían dos mosteiros, que, a pesar da súa decadencia, seguían dominando parte do país. As igrexias dos mendicantes e restantes congregacións relixiosas tiñan carácter persoal e non territorial.

Por fin, seguían a funcionar como organismos ejecutivos os concellos abertos dos lugares e as parroquias. Mentras que a vida cidadá era tenue e estaba dominada cada vez máis polos grupos aristocráticos, os concellos abertos cuidaban fundamentalmente de tres sectores: os camiños, a cooperación veciñal no aproveitamento dos montes e a vivenda para orfos e viudas. O concello foi a forza popular que canalizóu as reivindicacións vasaláticas. A resistencia á opresión tivo nestes concellos o eixo de movimiento. Dos concellos urbanos son de notar o de Santiago e Ourense que, arrancando día por día privilexios crecentes, converteron os respectivos señoríos episcopás en pouco máis ca unha sombra. Os concellos das capitaís das sete provinciaís viñan a ser centros administrativos provinciaís. Antes do século XVII os arbitros municipais eran insignificantes; despóis aumentaron, gravando principalmente as vendas.

A defensa do país, traballada polas constantes guerras imperialistas dos Austrias e as cobizas nepotistas dalgúns Borbóns, dependían do Capitán Xeneral. A alta nobreza de Lemos, Monterrey e Andrade reclamóu ese poder sen resultados. Somente nalgunhas ocasións foron os condes de Lemos e de Monterrey os dirigentes capaces de defender as fronteiras galegas. No período austriaco, os oficiaís dos grandes señores alistaban tropas. O señor propuña para cada compañía tres xefes; o Capitán Xeneral de Galicia elexía entre eles un capitán. A partir de 1705 o recrutamento e a formación de milicias encomendóuse ás justicias ordinarias de cada distrito. A contribución de homes por parte de Galicia ás empresas bélicas foi moi alta, tanto como o índice de coacción ejercida nas levas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario