martes, 3 de enero de 2012

Esplendor cultural suevo.

As fontes da época coinciden en recoñecelo o reino Suevo-Galaico un elevado nivel cultural, alcanzado seguramente en varios campos, aínda que fagan máis fincapé na sabedoría e destreza literaria de San Martín Dumiense.
A produción literaria de Martín Dumiense estendeuse aos campos canónico, litúrxico e ascético-moral. Case todas as súas obras teñen un destinatario concreto, o cal revela a intensa actividade intelectual que, con centro en
Dume (e en Braga cando Martín asume a dignidade metropolitana), irradia por Galicia en todas direccións, en especial ata as sedes episcopais.
Apenas máis se sabe da vitalidade artística e cultural da Galicia do século VI e padécese unha desorientación no referente á actividade construtora.
Non se pon en dúbida a transmisión ata a actualidade dunha cantidade relativamente abundante de obras menores, entre as que destacan as laudas sepulcrais, procedentes de diferentes
necrópolis (algunhas tan relevantes como as de San Martiño do Grove, e sobre todo a descuberta no subsolo da catedral de Santiago de Compostela). Xa Vide identificou as denominadas "laudas de estola" como propias do período xermánico (entre os séculos VI e VII) e hoxe en día tamén mantén Schlunk a autoría sueva, destacando a lápida procedente de Tui coa inscrición HIC REQUIESCAT MODESTA como unha das escasas mostras de escritura daquel momento. Este mesmo autor enumera pezas de ourivaría (pendentes, broches) encontradas en diferentes lugares do reino que cualifica como bizantinas, confirmación de tendencia xeral mantida no reino polo século VI, así como de contactos culturais co Mediterráneo.

O concilio II bracarense (ordenado polo rei suevo Miro en 572) inclúe disposicións relativas á construción de novas igrexas e á consagración das xa existentes, do que se deducen dúas evidencias: que moitas, en efecto, xa existían (ben dende a baixa época romana, ben dende a conversión do século V) e que ao longo do século VI se desenvolveu unha actividade construtora e reconstrutora intensa, impulsada por unha igrexa fortalecida pola monarquía católica sueva (entón os visigodos eran arrianos). Por outra parte, consérvanse testemuñas de igrexas, como a futura catedral de Orense, do 550, ou o pazo episcopal de Iria Flavia, do 572; a de San Martiño de Churío (Irixoa, Betanzos), e a igrexa de San Pedro de Rocas (Orense); demóstrase, polo tanto, que moitas das igrexas catalogadas como visigodas no territorio da vella Gallaecia ben poden ser suevas antes que visigodas.
A igrexa de Santa Comba de
Bande está catalogada como visigoda baseándose na súa análise morfolóxica, dando por suposto que o arco de ferradura é exclusivamente propio desa cultura. A continuación constitúese un grupo de construcións baixo esa catalogación: Santa Comba de Bande, São Pedro de Balsemão ( Viseu ), São Frutuoso de Montelios ( Braga ), San Pedro de la Nave ( Zamora), pero a inconsistencia cronolóxica para situalos no século VII é manifesta. Un documento de Celanova foi utilizado para datar a erección de Santa Comba de Bande no ano 672 e, a partir dese dato, considerándoo sólido, confírmanse as outras obras estilisticamente semellantes, para as que de feito por si mesmas non existe datación fixa. Desta forma constitúese un círculo vicioso, cando ademais resulta que o tal documento de Celanova non autoriza semellante cronoloxía.

De ser así estariamos en condicións de sospeitar que obras estilisticamente semellantes puidesen ser erguidas en época sueva, non visigoda, en especial aquelas de trazos máis comúns e específicos.
Os supostos motivos céltico (transmitidos posteriormente ao longo do
románico galego) falan dunha feitura autóctona, pero a influencia oriental ou bizantina cobra maior lóxica no contexto do século VI, cando os contactos do reino suevo-galego apuntaban nesa dirección e non os do visigodo. Díaz e Díaz recoñece que eses contactos establecidos pola Galicia do século VI con Oriente permiten explicar certos detalles das obras artísticas galegas. Por iso non debe estrañar que algún autor teña catalogada a igrexa de Montelios como suevo-bizantina, atendendo a un criterio tipolóxico extensible ás demais.
Sábese de sobra que o elemento estrutural máis característico destas construcións é o seu peculiar arco de ferradura, convertido en emblema da arte visigodo; non obstante, sen entrar na consideración de que suevos e visigodos chegasen a compartir o mesmo recurso arquitectónico.

1 comentario: